Capítulo I
Denominación, ámbito territorial e profesional, domicilio, duración e fins.
Artigo 1.
Ao abeiro da lei 19/77 do 1 de Abril, reguladora do dereito de asociación sindical, constitúese a Asociación de Comerciantes e Empresarios da comarca de Ordes. Coa denominación en diante de “ACORDES” que se constitúe como Asociación sen ánimo de lucro e con nome comercial AECOR. Dotada de personalidade xurídica propia e plena capacidade para obrar de acordo coa lexislación vixente sobre Asociacións con cumprimento aos seus fins.
Artigo 2.
ACORDES crea dentro da Asociación o Centro Comercial Aberto de Ordes denominado “Eu merco en Ordes” situado no centro urbano e rúas adxacentes.
Artigo 3.
A Asociación de Comerciantes e Empresarios da comarca de Ordes “Acordes” desenvolverá as súas actividades no Concello de Ordes, sen prexuízo de que poidan integrarse empresarios, comerciantes ou emprendedores de toda a Comarca de Ordes da provincia da Coruña, ou desenvolvan a súa actividade nela.
Artigo 4.
A Asociación constitúese por tempo indefinido. O acordo de disolución adoptarase conforme aos presentes estatutos.
Artigo 5.
O domicilio social establécese na Rúa Xoxardo s/n, baixos da Alameda, C.P.: 15680 de Ordes na Provincia da Coruña. A Xunta Directiva poderá modificar dito domicilio. Os cambios comunicaranse ao SMAC.
Artigo 6.
Os fins da Asociación:
- a) A representación, defensa e promoción dos intereses económicos, sociais, profesionais e culturais dos seus afiliados/as.
- b) Agrupar todos os sectores produtivos da Comarca de Ordes como Agricultura, Gandaría, Comercio, Hostalaría, Industria e servizos.
- c) Fomentar a solidariedade dos seus afiliados/as, promocionando e creando servizos comúns.
- d) Programar as accións necesarias para conseguir melloras sociais e económicas dos seus asociados/as.
- e) Organizar un constante labor formativo e de promoción cultural dos seus afiliados/as, así como de Empresarios, autónomos, directivos, traballadores por conta allea e desempregados.
- f) Potenciar a cohesión do grupo de profesionais como forza de participación social.
- g) Fomentar a igualdade de oportunidades entre socios e socias.
- h) Potenciar novos modelos de organización de traballo, estimulando a flexibilidade horaria, traballo a tempo parcial de calidade, teleformación desde a asociación para así mellorar a calidade de vida de todos os integrantes do sector.
- i) Realizar estudos para a posible creación de infraestruturas que melloren a conciliación da vida familiar e profesional, tanto dos asociados/as como dos seus traballadores.
- j) Impulsar a cooperación creando grupos de traballo para lograr obxectivos comúns, logrando así a motivación necesaria para que os asociados/as empreguen solucións innovadoras.
- k) Mellorar e velar pola imaxe do sector comercial en xeral.
- l) Desenvolver actividades de formación a asociados/as, a empregados e a desempregados da comarca de Ordes.
- m) A creación dunha bolsa de emprego.
- n) Organizar actividades para aumentar a capacitación profesional dos asociados/as.
- o) Dinamizar e impulsar o comercio local.
- p) Visibilizar a comarca de Ordes.
- q) Actuar como central de compras.
- r) Plans de mellora da produtividade e competitividade no comercio.
- s) Actuar como interlocutor válido ante organismos e persoas, para defender os intereses dos asociados/as.
- t) Representar aos seus asociados/as en cuestións e temas de índole profesional.
- u) Facilitar a comunicación e acceso a información no ámbito de interese dos asociados/as.
- v) Promover e fomentar o encontro con profesionais, asociados/as ou outros organismos de todos os ámbitos, en cumprimento dos demais obxectivos da Asociación.
- w) Fomentar e promover con carácter prioritario a realización de accións dirixidas a empresarios e traballadores para a prevención de riscos laborais e de saúde no traballo, como de calidade e de protección medioambiental e tamén ao desenvolvemento sostible da actividade económica á responsabilidade social corporativa e á internalización empresarial.
- x) Prestar servizos Sociais á comunidade en xeral, nas diferentes áreas de actuación segundo se recolle na Lei 13/2008, do 3 de decembro de Servizos Sociais de Galicia.
Artigo 7.
Para o cumprimento dos seus fins a Asociación e o centro comercial aberto poderá realizar as seguintes actividades e/ou actuacións:
- 1. Conferencias
- 2. Xornadas
- 3. Publicacións
- 4. Entrevistas
- 5. Reunións
- 6. Campañas de Concienciación
- 7. Elaboración de publicacións
- 8. Conferencias
- 9. Debates
- 10. Concursos
- 11. Cursos
- 12. Exposicións
- 13. Actividades de ocio e tempo libre
- 14. Animación social
- 15. Actividades Profesionais, culturais e deportivas
E todas aquelas que se estimen necesarias para a consecución dos fins das Asociación e do Centro Comercial Aberto.
Capítulo II
Membros da asociación, socios.
Artigo 8.
Poderán ingresar como socios os empresarios/as que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial de dita asociación, que reúnan as condicións referidas no artigo 3, coa soa condición de ler os presentes estatutos e sen ningunha clase de distinción, que sendo maiores de 18 anos e con capacidade de obrar e así o manifesten e sexan admitidos pola Xunta Directiva.
Tamén poderán ser socios as persoas menores de idade, coa salvidade de non dispoñer de voto nos órganos regulamentarios, aínda que si poderán dispoñer dunha Sección Xuvenil con certa autonomía de organización.
Artigo 9.
O ingreso na asociación será voluntario, por un período mínimo de seis meses, e unha vez transcorrido ese tempo poderase deixar de pertencer á mesma, notificándoo por escrito á Xunta Directiva cunha antelación de dez días á data da baixa.
As altas e as baixas faranse constar no libro de socios.
Contra o acordo de non admisión, poderase recorrer cunha alegación nun prazo de 15 días ante a Asemblea Xeral.
En caso de solicitar a baixa antes de ter transcorrido os seis meses desde o ingreso, o socio deberá aboar a cota correspondente ao período completo de seis meses, así como devolver os materiais que lle fosen entregados por parte da Asociación ou, no seu defecto, aboar o valor económico que determine a Xunta Directiva por ditos materiais.
Artigo 10.
A afiliación á asociación leva inherente o pago da cota que se fixe en Asemblea Xeral a proposta da Xunta Directiva.
Artigo 11.
Os socios causarán baixa polas seguintes razóns:
- 1. Por vontade propia.
- 2. Por peche do seu negocio, ou a baixa como empresario.
- 3. Por falta de pago nas cotas (tres recibos devoltos nun prazo dun ano, será motivo de expulsión).
- 4. Por comisión de accións que prexudiquen gravemente os intereses da asociación, mediante acordo de Asemblea Xeral Extraordinaria.
- 5. Por incumprimento das obrigas establecidas nos estatutos
- 6. Por incumprimento dos acordos adoptados en Asemblea ou pola Xunta directiva, dentro da súa competencia.
- 7. Por falecemento.
A reincorporación dunha baixa valorarase pola Xunta Directiva, con total potestade de aplicar unha recarga nas cotas. Contra o acordo de expulsión o asociado/a poderá recorrer ante a Asemblea Xeral.
Artigo 12.
Os dereitos dos socios serán os seguintes:
- 1. Tomar parte nas Asembleas Xerais con voz e voto.
- 2. Elixir e ser elixidos para cargos directivos
- 3. Propoñer por escrito cantas suxerencias crean oportunas.
- 4. Solicitar información aos órganos directivos sobre a marcha da Asociación.
- 5. Gozar de todos os dereitos que como membro da asociación lle corresponde, segundo o establecido polos organismos e leis competentes e polas normas de réxime interior.
Artigo 13.
Son obrigas dos socios:
- 1. Participar nas actividades da Asociación e traballar para o logro dos seus fins.
- 2. Prestar cantos servizos determinen os estatutos, as normas de réxime interior e os acordos dos órganos directivos.
- 3. Desempeñar os cargos para os que fosen elixidos.
- 4. Asistir ás Asembleas Xerais
- 5. Satisfacer as cotas que se establezan.
- 6. Respectar os presentes estatutos.
Capítulo III
Dos órganos da asociación
Artigo 14.
Serán Órganos da Asociación:
- 1. A Asemblea Xeral
- 2. A Xunta Directiva
Artigo 15.
A Asemblea Xeral de socios é o órgano de expresión da vontade da asociación.
Os acordos adoptados conforme aos estatutos son obrigatorios para todos os afiliados/as.
Estará integrada a Xunta Directiva e os socios. Reuniranse con carácter ordinario unha vez ao ano e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a xunta directiva ou o soliciten a terceira parte dos socios, mediante escrito dirixido ao presidente, autorizado coas firmas correspondentes no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.
O presidente/a e secretario/a serán da Asemblea serán os mesmos que na xunta directiva.
Os membros da Xunta Directiva poderán delegar todas ou parte das súas facultades en calquera ou calquera dos seus compoñentes e delegar facultades concretas a persoas alleas á asociación.
Artigo 16.
A Xunta Directiva é o Órgano da dirección do goberno e administración da asociación.
Estará integrada por un máximo de doce e un mínimo de seis persoas afiliadas; voluntarios ou involuntarios, elixidos en Asemblea Xeral e por votación libre e secreta.
A duración do mandato será de dous a catro anos. Cada dous anos renovarase a metade dos cargos da Xunta Directiva. Rotando a todos os socios sen excepción algunha.
A Xunta directiva reunirase cando o solicite a presidencia ou 1/3 dos seus membros, avisando mediante métodos preestablecidos, cunha antelación de entre dous a sete días. En todo caso, reunirase como mínimo unha vez ao mes.
As vacantes que puidesen producirse na Xunta Directiva cubriranse provisionalmente por persoas designadas pola propia Xunta Directiva, ata que a Asemblea Xeral elixa ou confirme aos novos membros.
Artigo 17.
A Asemblea Xeral, tanto Ordinaria como Extraordinarias, será convocada por parte da Xunta directiva con quince días de antelación mediante anuncios no domicilio, citación persoal e outros medios que garantan o coñecemento da convocatoria, expresando o número da convocatoria, a Orde do día, a data, hora e lugar onde se celebre dita asemblea.
Así mesmo por razóns de urxencia poderán debaterse cuestións plantexadas no curso da reunión se así o deciden o 20% dos asistentes á mesma.
Artigo 18.
Para que, na Asemblea, tanto Ordinaria como Extraordinaria se poidan tomar acordos, será necesario que asistan en primeira convocatoria a metade máis un dos seus membros da mesma. En caso de non asistir o número de socios necesarios, transcorrido quince minutos celebrarase unha segunda convocatoria sendo válidos os acordos calquera que fosen o número de asistentes.
A presidencia de todas as Asembleas correspóndelle ao Presidente/a da Xunta Directiva e na súa ausencia ao Vicepresidente/a. Así como, actuará como secretario/a o mesmo da Xunta Directiva.
A mesa da Asemblea quedará integrada polo Presidente/a e dous vocais designados pola Xunta Rotativa en turno rotativo e secretario/a.
Artigo 19.
Son facultades da Asemblea Ordinaria:
- 1. Elixir ou revocar o mandato dos membros da Xunta Directiva, así como fixar a duración do mesmo.
- 2. A aprobación das cotas.
- 3. Aprobación da Acta da reunión anterior e da memoria anual.
- 4. Decidir sobre a aplicación concreta dos fondos dispoñibles.
- 5. Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio e facer balance do mesmo.
- 6. Aprobar o plan de actividades.
- 7. Aprobar o regulamento de réxime interno, así como os estatutos
- 8. Acordar as distincións e sancións a que se fagan acredores os socios.
- 9. Resolver os asuntos que resultan dos estatutos e que estean atribuídos expresamente á asemblea Xeral ou á Xunta Directiva.
- 10. O estudo, deliberación e aprobación, no seu caso, das propostas que sexan presentadas pola Xunta Directiva.
- 11. Coñecer e resolver as reclamacións e recursos formulados polos asociados/as.
- 12. Acordar a disolución da asociación.
- 13. A Asemblea ratificará, no seu caso, a proposta da Xunta Directiva, a contratación de persoal ao servizo da asociación.
Artigo 20.
Son facultades de Asemblea Extraordinaria:
- 1. Modificar e reformar os estatutos o regulamento de réxime interno.
- 2. Elixir aos membros da Xunta Directiva cando se trate de vacantes producidas antes do final do prazo do mandato, os elixidos serano só polo tempo que reste para a renovación.
- 3. Aprobar a federación con outras asociacións.
- 4. Acordar a disolución da asociación.
- 5. Os demais asuntos a petición escrita da terceira parte dos socios que se inscriba na orde do día.
- 6. Todos os conferido expresamente á Asemblea Xeral Extraordinaria ou á Xunta Directiva.
Artigo 21.
Nas reunións das Asembleas tanto Ordinaria como Extraordinaria, as discusións, acordos e deliberacións das sesións levantarase Acta estendéndose nun libro ao efecto, asinado polo presidente/a e secretario/a.
Artigo 22.
Os acordos que se adopten en Asemblea, serán aprobados por maioría simple, salvo nos casos que se reflicten nos estatutos necesiten maioría cualificada.
En caso de empate decidirá o voto de calidade do presidente/a. Non obstante, será necesario o voto favorable das 2/3 partes dos socios para disposición ou alleamento de bens, solicitude de Utilidade Pública, acordos para constituír unha federación ou para ingresar nela, para a modificación dos estatutos ou a disolución da asociación.
A modalidade das votacións quedará a criterio da propia asemblea.
Cada afiliado ao corrente de pago das súas contas terá dereito a un voto.
Os acordos adoptados conforme aos preceptos anteriores obrigarán a todos os socios a cumprilos incluso aos non asistentes.
Artigo 23.
A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:
- 1. Convocar e fixar a data de reunión da Asemblea Xeral.
- 2. A execución e cumprimento da Asemblea Xeral.
- 3. Confeccionar o plan de actividades.
- 4. Organizar e desenvolver as actividades aprobadas pola Asemblea Xeral, dando conta do seu cumprimento.
- 5. Elaboración dos orzamentos e balances, dando conta deles á Asemblea Xeral.
- 6. Designar as comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.
- 7. Adoptar acordos e convenios referentes á contratación de bens e servizos, exercicio de accións e outorgamento de poderes.
- 8. Inspeccionar e velar polo bo funcionamento dos servizos prestados.
- 9. En casos de extrema urxencia, adoptar decisións sobre asuntos ou competencia que corresponda á Asemblea Xeral, dando conta diso na primeira sesión que se celebre.
- 10. Interpretar os estatutos e o regulamento de réxime interno e velar polo seu cumprimento.
- 11. Dar alta e de baixa aos socios.
- 12. Aceptar en nome da Asociación herdanzas, legados e doazóns a título gratuíto.
- 13. A contratación e despedimento de persoal segundo marquen as leis, así como fixar a súa remuneración.
- 14. Dictar normas interiores de organización e exercer cantas funcións ou estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
Artigo 24.
Son facultades do Presidente/a:
- 1. Fixar, convocar e presidir as reunións da asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
- 2. Ordenar a convocatoria da Asemblea tanto Ordinaria como Extraordinaria.
- 3. Ostentar a representación da Asociación ante calquera organismo público ou privado, así como asumir a dirección e xestión da mesma.
- 4. Velar polo cumprimento dos fins da asociación.
- 5. Executar os acordos adoptados pola Asemblea Xeral ou pola Xunta Directiva.
- 6. Resolver en caso de urxencia incidentes ou asuntos que sexan competencia da Xunta Directiva, á cal deberá dar contas na seguinte sesión que se celebre.
- 7. Autorizar co seu visto e prace as certificacións que expida o Secretario/a.
- 8. Ordenar os pagos validamente acordados.
Artigo 25.
Son facultades do Vicepresidente/a:
- 1. Substituír ao Presidente/a en ausencia deste/a, ben por enfermidade ou vacante. Asumindo así as facultades ou funcións que delegue ao Presidente/a ao Vicepresidente/a ou funcións que lle sexan designadas pola xunta directiva.
Artigo 26.
Son facultades do Secretario/a:
- 1. Actuar como tal nas reunións, levantando acta das mesmas, dando fe do acordado.
- 2. Asistir ao Presidente/a para fixar a Orde do día e cursar as convocatorias.
- 3. Despachar a correspondencia de acordo co presidente/a.
- 4. Expedir certificacións.
- 5. Dirixir os traballos administrativos da Asociación.
- 6. Custodiar os libros de actas e de socios, a documentación da asociación e selo da asociación.
- 7. Levar os rexistros e os ficheiros.
- 8. Xestión do libro de socios, tramitando a alta e baixa dos socios. O cal poderá ser consultado a solicitude dos socios, previo aviso.
- 9. Redactar memoria anual e os plans de actividades e os documentos necesarios.
Artigo 27.
Son facultades do Tesoureiro:
- 1. Levar os libros de Contabilidade. Intervindo en todas as operacións de orde económica.
- 2. Recadar e custodiar os fondos da asociación. Controlar a contabilidade da Asociación e intervir todos os documentos de cobro e pago correspondientes.
- 3. Formular o orzamento e a conta xeral de gastos e ingresos de cada ano, someténdoos á aprobación da Xunta Directiva, para que esta os presente, co seu ditame, á Xunta Xeral.
- 4. Expedir os recibos das cotas ordinarias e extraordinarias.
- 5. Redactar os orzamentos e balance de contas, dando conta deles á Asemblea Xeral anualmente ou cando sexa necesario.
- 6. Render á Xunta Directiva as contas trimestrais de gastos e ingresos.
- 7. Levar un inventario dos bens sociais.
- 8. Dar cumprimento ás ordes de pago que expida o Presidente/a.
- 9. Asinar conxuntamente co Presidente/a, os escritos, cheques e documentos de crédito.
Artigo 28.
Son facultades dos Vocais:
- 1. Realizar Programas e propostas na súa área de actuación, así como desempeñar traballos que nazan das delegacións ou comisións de traballo encomendados pola propia Xunta Directiva.
Capítulo IV
O réxime económico
Artigo 29.
Os recursos financeiros da Asociación estarán integrados por:
- 1. As cotas de socios, tanto ordinarias como extraordinarias
- 2. As achegas voluntarias dos membros da asociación.
- 3. As doazóns e legados a favor da mesma.
- 4. As Subvencións que poidan serle concedidas por medio de organismos públicos, entidades privadas e/ou particulares.
- 5. As vendas dos seus bens e valores.
- 6. Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das súas actividades.
- 7. Calquera outros recursos obtidos de conformidade coas disposicións legais e preceptos estatuarios por cada exercicio económico formarase o orzamento ordinario de ingresos e gastos, con suxeición ás normas contidas nos presentes estatutos.
Artigo 30.
1. A xunta directiva determinará as normas para a administración e contabilidade, sendo ordenador de pagos o Presidente/a.
2. O Tesoureiro/a intervirá todos os documentos de cobros e pagos e supervisará a contabilidade.
3. O Tesoureiro/a coidará da conservación de todos os fondos na forma que dispoña a Xunta Directiva e asinará todos os documentos de cobro e pagos.
4. A xunta directiva confeccionará todos os anos un proxecto de orzamentos, que presentará á aprobación da Asemblea Xeral. Así mesmo presentará a liquidación das contas do ano anterior para a aprobación da mesma.
5. O exercicio será anual e o seu peche terá lugar o 31 de decembro de cada ano.
6. Os asociados que o desexen poderán examinar os libros da asociación con previo aviso.
Capítulo V
Regulamento de réxime interno
Artigo 31.
O regulamento do réxime interior, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes estatutos, non podendo ir en contra en ningún caso do estipulado nos estatutos.
Capítulo VI
Da disolución
Artigo 32.
A Asociación disolverase polas causas seguintes:
- 1. Por acordo de 2/3 partes dos socios da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada ao efecto.
- 2. Por causa que determine o Código Civil.
- 3. Por sentenza Xudicial
No acordo de disolución establécese o destino dos bens, dereitos, instalacións ou servizos da asociación que puidesen quedar despois de ser atendidas as obrigas pendentes.
O haber resultantes, se o houber, doarase a unha entidade con fins similares a esta asociación ou de fins solidarios.
De non acordarse outra cousa pola Asemblea Xeral, actuarán de liquidadores os membros da Xunta Directiva.